__________________________________________
Os ósos tiñan carne e a carne tiña soños.
Esqueletos a centos buscan nome
no cavorco do medo para seren
algo máis que eses números escritos nos papeis.
Os nomes buscan ósos para pousar na morte
e non ser vagabundas sombras que non regresan.
Polos ósos sen nome, polos nomes sen ósos,
polo sangue axeado sexa o pranto,
sexa o berro, o brado e a salmodia ferida.
O monstro é multiforme e bebe na podremia
e vive no veleno: capital, misoxinia,
miseria, desarraigo na fronteira do imperio.
O monstro non ten sitio no poema,
as palabras non han dar acubillo
á serpe nin aos ovos nin ao sol que os incuba.
Sexa un canto de amor polas obreiras,
precariedade e mans, porvir de maquiadoras.
Que sexa unha elexía polos soños roubados:
pan que levar á boca, pequena casa limpa
e acaso bicos novos no amencer
que non chegará nunca.
Ían pola maquía,
polo prezo das horas de acoso e trato inxusto
e saíulles ao paso muiñeiro terríbel
a lles cobrar maquía.
¡Maldita sexa a hora!
¡Maldito o muiñeiro! Abenzoadas elas,
a berrar dende nós algo como unha estrela,
talvez o abecedario dun código perdido.